viernes, 31 de octubre de 2014

XVI ENCONTRO DA REDE SOLIDARIA DE ENTRECULTURAS

       Un ano máis iniciamos o curso cun encontro en Rede, para poder compartir unha xornada lúdica e pedagóxica con outros mozos e mozas da Rede Solidaria da Mocidade Entrecuturas. Nesta ocasión un total de 22 alumnos/as (a representación masculina recaeu en dúas novas incorporacións: Zito (1º ESO) e Álex (3º ESO) e dúas profesoras dedicamos un soleado sábado (25 outubro 2014) para viaxar cara a Santiago e dirixímonos ao Instituto Arcebispo Xelmirez I, centro anfitrión deste encontro. 

         A xornada comezou cunha cálida acollida, non só polo sol que brillaba no ceo neste anodino día outonal, senón por parte dos alumnos/as e profesores/as do Xelmirez, que prepararon este evento con moito cariño e ilusión. Tras unha breve presentación do planning do día, todos os rapaces e rapazas realizaron diferentes dinámicas centradas na temática dos dereitos humanos, mentres que os docentes realizabamos a nosa formación, adquirindo novas ferramentas didácticas para abordar a educación emocional. 

        E despois de tanto traballar… devoramos ao aire libre o xantar que nos estaba esperando, pizza e macarroni, mamma mía!! E de postre… a elaboración das axendas solidarias. O multitudinario grupo do CPI Virxe da Cela (coidadosamente uniformados coas súas xa características camisetas amarelas) reuniuse nunha escaleira para decidir as posibles actividades a realizar durante este curso académico 2014-2015: as que xa son case que “oficiais” (rastro solidario, operación quilo, recollida de tapóns, etc), e tamén novas ideas como visitar un asilo de anciáns, realizar unha “chiculatada solidaria”, gravar un videoclip, etc. E antes de que cada centro expuxese a súa axenda, dúas alumnas do Xelmirez impartiron unha interesantísima charla sobre a súas vivencias en Nicaragua. Como broche final os/as profes asistentes ao encontro subiron ao escenario a facer unha pequena actuación-homenaxe á Rede Solidaria, que en Galicia cumpriu nin máis nin menos que 10 anos de existencia!! 

       A despedida foi espectacular, a ritmo de capoeira. Todos os rapaces e rapazas asistiron a unha demostración desta curiosa danza afro-brasileira realizada no patio, e non soamente ollaron coa boca aberta as acrobacias dos bailaríns, senón que tiveron a oportunidade de recibir unha pequena clase de achegamento a esta disciplina, tanto na práctica instrumental como no movemento. Está claro que con este tipo de encontros a Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas ten garantidos polo menos outros dez anos máis de andainas!!!




VIDEO RESUMO DO ENCONTRO
                                         
                                   



lunes, 20 de octubre de 2014

10 ANOS DA REDE SOLIDARIA DA MOCIDADE ENTRECULTURAS EN GALICIA



CHARLA DE RAMADEVI RAPTHADU NO VIRXE DA CELA

         Ramadevi Rapthapu deixou ao seu paso polo CPI Virxe da Cela (martes 14 de outubro de 2014) un halo de exotismo, sinxeleza e calidez. Ataviada cun fermosísimo sari de cor azul turquesa e fucsia, elegantemente peiteada coa súa melena brillante nunha extensa trenza e levando outros accesorios típicos das mulleres casadas da India (un bindi colorado na súa fronte, un colar de contas verdes e vermellas e aneis nos dedos dos pes), Ramadevi chegou ao noso centro repartindo sorrisos e abrazos a todo o mundo. Recibiu aos rapaces e rapazas que entraban la aula onde se impartiron as charlas cun sereno “namasté”, xesto de benvida, á par que marcaba as súas frontes cun minúsculo puntiño de pigmento vermello.   Presentouse ao seu público cun case que perfecto castelán, e durante tres charlas dunha duración aproximada de 50 minutos cada unha, falou non soamente da labor que a Fundación Vicente Ferrer está a levar a cabo en Anantapur (a India), senón da vida e do papel que as mulleres lles toca vivir neste país no que aínda no século XXI predomina unha cultura patriarcal. Para poder entender as enormes desigualdades que se observan na India, Ramadevi explicou o sistema de castas que aínda impera no seu país e que condena aos dalits e outras castas inferiores a vivir na pobreza e na miseria desde e mesmo momento do seu nacemento. 
         A visita de Ramadevi (ao igual que as de Lancy Dodem e Sasi Cuti en anos anteriores) complementa o traballo de achegamento á cultura india e ao traballo da Fundación Vicente Ferrer que se leva a cabo no noso centro desde o ano 2009 a través do proxecto School to School. Consideramos que entender o mundo máis aló da nosa contorna é fundamental para respectar a diversidade cultural e entendela como un elemento que nos enriquece aos seres humanos, e non como unha ameaza e unha semente para o conflito.







lunes, 13 de octubre de 2014

QUE BOA NOVA!!!, MALALA E SATYARTHI, PREMIO NOBEL DA PAZ 2014

A paquistaní Malala Yousafzai, a moza á que os talibáns dispararon á cabeza en 2012 por defender a escolarización das mulleres, e o activista indio Kailash Satyarthi foron galardoados este venres co Nobel da Paz 2014 "pola súa loita contra a opresión dos nen@s e os moz@s e polo dereito de todos os nen@s á educación".
 "Os nenos deben ir á escola e non ser explotado financeiramente", defendeu o Comité Nobel, subliñando que "nos países pobres, o 60% da poboación actual ten menos de 25 anos". Segundo explicou ao realizar o anuncio o presidente do Comité Nobel Noruego, Thorbjon Jagland, considerouse "un punto importante que un hindú e unha musulmá, un indio e unha paquistaní, se unan na loita común pola educación e contra o extremismo.

No caso de Satyarthi, resaltou que "mostrando gran valor persoal" e seguindo a tradición de Gandhi, "liderou varias formas de protesta e manifestación, todas pacíficas, centrándose na grave explotación dos nenos para obter beneficios financeiros". Así mesmo, "contribuíu" ao desenvolvemento de importantes convencións internacionais" "sobre os dereitos dos nenos". Kailash Satyarthi, enxeñeiro informático indio que hai 28 anos abandonou o ordenador para denunciar ás multinacionais que no seu país explotan nenos de entre 5 e 12 anos de idade, encabeza a organización Global March, que liberou da escravitude empresarial a uns 80.000 nenos en máis de 160 países.

En canto a Malala, "malia a súa xuventude", leva anos loitando polo dereito das nenas á educación e mostrou co seu exemplo que os nen@s e os moz@s tamén poden contribuír a mellorar as súas propias situacións. Ademais, fíxoo baixo as mais perigosas circunstancias. Mediante a súa loita heroica converteuse nunha destacada voceira dos dereitos das nenas á educación.

NORABOA A ÁMBOLOS DOUS!!!

EDUCAR PARA A CIDADANÍA GLOBAL

Entre os días 19 e 21 de outubro de 2012 celebráronse no Campus Vida da Universidade de Santigo de Compostela as I Xornadas de Educación para o Desenvolvemento. Baixo o título "Educar para a cidadanía global: experiencias, ferramentas e discursos para o cambio social", a Coordinadora Galega de ONGD (CGONGD), a través da súa Comisión de Educación para o Desenvolvemento, quixo convocar por vez primeira en Galicia a un conxunto senlleiro de expertos e expertas en educación para o desenvolvemento e a cidadanía globla para xerar un espazo de debate e reflexión sobre os actuais desafíos para a promoción dunha cidadanía global comprometida coa solidariedade e o cambio social desde o local. 

Desde o CPI Virxe da Cela queremos dar os nosos máis sinceiros parabéns a José Luís Pastoriza Rozas, autor da publicación que documenta estas xornadas, polo seu grande esforzo e dedicación para que este libro saia á luz. 

Penduramos a publicación en formato PDF, na que poderedes atopar o texto "Educar para a solidariedade no CPI Virxe da Cela: a experiencia de Monferosolidario" (páxinas 19-29).