domingo, 22 de diciembre de 2013

362 EUROS PARA FILIPINAS


Grazas á axuda de toda a comunidade educativa do CPI Virxe da Cela, os damnificados/as do furacán Yolanda recibirán con todo o noso cariño os 362 euros recadados na campaña "Emerxencia en Filipinas", a través da ONG Entreculturas. Non servirá para paliar as consecuencias desa castástrofe natural, nembargantes será unha pequena contribución que será moi ben recibida agora que o Nadal está petando nas nosas portas...




Fantástica acollida da campaña "Emerxencia en Filipinas". Durante esta semana están expostos na entrada do edificio de secundaria os obxectos de fieltro decorativos de nadal elaborados artesanalmente polo alumnado de 1º da ESO e 6º de primaria,así como a hucha mascota-porquiño realizada polos máis pequerrechos/as de educación infantil. Todos os cartos resultantes da venda de obxectos e donativos serán enviados a Filipinas, aos danmificados do desastre do furacán que tivo lugar o pasado mes de novembro, a través da ONG Entreculturas. Quixaramos facer unha mención moi especial ao noso compañeiro Adrián (1º ESO), xa que invertiu unha cantidade de horas e esforzo en materializar parte dos obxectos e recardar entre achegados e familias unha morea de cartos que inauguraron a hucha... Os nosos parabéns, Adrián...

martes, 26 de noviembre de 2013

XORNADA DE FORMACIÓN EN SANTIAGO



A pesares das baixas temperaturas e dunha apetitosa mañá de sábado para empregar en miles de tarefas pendentes quentiños nas nosas casas, fixemos o grandísimo esforzo para poñer a alarma do despertador ben cedo e lanzarnos a unha nova sesión de formación ofertada por Entreculturas. Valeu sin duda a pena. A delegación de Entreculturas de Santiago foi o centro de reunión (sábado 23 de novembro de 2013), e neste espazo coincidimos unha mestura de profesores/as, voluntarios e +18, grupo heteroxéneo e diverso que enriqueceu esta xornada formativa con diferentes puntos de partida pero co mesmo obxectivo: “removernos” e actuar pola educación e os Dereitos Humanos.
A nosa queridísima Sandra Rodríguez foi quen de inaugurar a xornada confirmando as súas ben coñecidas capacidades organizativas coa primeira dinámica de grupo, do tipo “romper o xeo”, incitando aos alí presentes a un xogo de mans alzadas ao ritmo de “sopa ou empanada?”. Acto seguido Irene Ortega Guerrero, responsable del departamento de educación de Entreculturas, introduciu as liñas básicas de actuación e presentou diversos materiais didácticos editados por Entreculturas, que servirán de guía ao profesorado para abordar o traballo no eido dos Dereitos Humanos. Tras un descanso-café no que os asistentes tiveron o tempo para poñerse ao día e intercambiar impresións (ummm, que boa está esta tarta…, aínda que a empanadiña de Ferrol entraba ben agora…) mergullámonos no interesante obradoiro impartido por Leticia López Díaz, (a pesares da súa xuventude ten nas súas costas unha rica traxectoria como pedagoga e formadora), quen nos ofreceu importantes ferramentas metodolóxicas para fomentar nos adolescentes os valores dos dereitos humanos, e traballando a través de dinámicas e xogos a escoita activa, a expresión de sentimentos, ou o afrontamento cara a frustración. O resultado foi todo un poema: os alí presentes marchamos do curso cunha tremenda sensación de satisfacción, xa que as nosas expectativas quedaron máis que satisfeitas… ao igual que o noso bandullo tras un rico xantar compartido…









jueves, 21 de noviembre de 2013

A CADEIRA VERMELLA E O DÍA DOS DEREITOS DOS NENOS NO CPI CONDE DE FENOSA DE ARES

Hoxe para celebrar o Día dos Dereitos da Infancia no noso cole o CPI Conde de Fenosa de Ares,realizamos unha sesión de contacontos para o alumnado de 1º de Primaria. Os alumnos/as encargados de toda esta montaxe foron un grupiño de rapazas e rapaces de 3º da ESO.

O conto cuxo título é “Mahán e a cadeira vermella” foi creado polos nenos e nenas de 1º da Eso do CPI “Virxe da Cela” de Monfero. As nosas compañeiras de 3º Andrea, Begoña, Lucía e Ainhoa foron as encargadas de contar a historia de Mahán  aos nosos pequerrechos de 1º EP, así como de facer un xogo para facelos recapacitar sobre á importancia da educación.
Tamén fixeron un estupendo mural e unha pegatina que repartiron a todos os nenos e nenas de primaria así como unha pequena cadeira vermella feita de barro que presidirá as súas aulas, recordando a importancia da educación e de que ese dereito se faga realidade para os 59 millóns de nenos e nenas que, a día de hoxe, están sen escolarizar en diferentes lugares do mundo e non teñen a sorte e o privilexio de asistir a unha escola e aprender.




martes, 19 de noviembre de 2013

CELEBRAMOS O DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NEN@S

Como tod@s sabedes hoxe 20 de novembro conmemórase a aprobación da Convención sobre os Dereitos da Infancia. En dita Convención recóllese o conxunto máis amplo de normas xurídicas internacionais para a protección das persoas menores de 18 anos. Sen esquecer que os dereitos deben formar parte da vida diaria da infancia e adolescencia ao longo de todo o ano, cada 20 de novembro temos a oportunidade de reflexionar sobre que son e en que situación está o cumprimento dos mesmos. É moi importante, á hora de falar dos dereitos dos nen@s, insistir en cales son, como deben estar contemplados por toda a sociedade e na importancia que teñen para todos os nenos e nenas do mundo por igual. 
 Aínda que o respecto pola infancia, polos dereitos e valores deben traballarse no día a día, esta data é unha gran oportunidade para celebralo entre tod@s e realizar propostas específicas. Así no noso cole, o CPI Virxe da Cela, os alumnos de 1º ESO realizaron un magnífico programa de radio sobre “Os dereitos da infancia", no cal reflexionaron sobre o seu cumprimento, recordando que aínda hai dereitos que non se están a cumprir e que non todos os nenos e nenas teñen as mesmas oportunidades de alcanzalos. Ademais realizaron un pequeno dossier coas súas reflexións. 

Aquí vos deixamos  o seu traballo.




    Making off programa de Radio "O Xestal nas Ondas". 

                               

viernes, 1 de noviembre de 2013

VIDEO DO XV ENCONTRO EN REDE DE ENTRECULTURAS


Aquí tedes un pequeno vídeo do XV Encontro en Rede de Entreculturas celebrado no colexio "Jesús Maestro" o 26 de outubro en Ferrol.


lunes, 28 de octubre de 2013

CRÓNICA DO ENCONTRO DESDE O CPI "VIRXE DA CELA"




Nunha nova ocasión asistimos a un Encontro da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas. Xa é toda unha tradición comezar o curso elaborando unha axenda solidaria e expoñela públicamente nestas xuntazas, rodeados de alumnos/as e profes doutros centros escolares galegos. Valeu a pena sacrificar algún que outro recreo, porque a idea era moi orixinal e o resultado moi vistoso e aplaudido. Empregando un formato “bingo”, as rapaces e rapaz (noraboa, Adrián, por ser a representación masculina do noso grupo) do CPI Virxe da Cela foron presentando unha a unha todas as actividades que temos previstas para este curso académico, guiados polas nosas simpáticas compañeiras Tania e Andrea (1º ESO), que transmitiron gran enerxía e a ilusión no que para elas é o primeiro encontro (e esperemos que non o último). 
Damos as grazas a Ana, profesora do cole Jesús Maestro de Ferrol, e aos alumnos/as dese centro, por prepararnos tan calorosa acollida. Grazas tamén ao sol por acompañarnos durante toda a xornada, e regalarnos un día tan luminoso e agradable xa a finais de outubro. E grazas tamén a Pedro Brandariz por arrancarnos gargalladas e contaxiarnos o seu enorme sentido do humor ao final da tarde. 

Queremos destacar o papel activo do grupo +18, isto é, aqueles rapaces/zas que participaron na Rede Solidaria cando cursaban estudos de ESO e Bacharelato, e que agora son activistas e voluntarios, e ofrecen a súa ilusión e tempo libre para colaborar en variadas iniciativas, tanto na organización e celebración destes encontros, como visitando centros escolares e dinamizar os grupos. Un biquiño moi especial á nosa querida Luz Mery, que agora como veterana asumiu a tarefa de documentar fotográficamente esta xornada, e que tivo unhas emotivas palabras de agradecemento para Yolanda e Verónica, as dúas profes que lle guiaron na senda da solidariedade. 



E, como non, dedicamos un par de liñas para deixar constancia de todos/as os que tecimos nesta ocasión un anaquiño de Rede: Antía Lista, Laura Río, Andrea Brage, Ana Pena, Tania Grueiro, Rebeca Freijomil, Laura Muíño, Sofía Pena, Laura Sanjuán, Erea Fernández, Rocío Pérez, Cintia Grueiro, Antía Gómez, Alba Amenedo, María Fraga, Adrián Allegue, Silvia López, Verónica Dopico e Yolanda Castro.